Dúas iniciativas impulsadas dende Galicia Open Future, no Mobile World Congress

martes, 3 de marzo do 2015 Redacción

Os responsables de CreAPPcuentos no Mobile World Congress

Dende onte e até o xoves 5 de marzo, Barcelona acolle o Mobile World Congress, ao que acudirán dúas startups viguesas: CreappCuentos e Parkapp, integradas no Galicia Open Future, o centro de emprendemento de Telefónica. Cómpre dicir que as empresas galegas foron seleccionadas para formar parte da caseta que Telefónica Open Future ten no Innovation Market, a área de exhibición do 4 Years From Now (4YFN), evento que se desenvolve de xeito parello ao congreso e que está considerado unha das maiores plataformas de negocio para startups, investidores e empresas internacionais.
E indo ás empresas protagonistas: CreappCuentos, promovida polos emprendedores Avelino Correa e Antonio Escudero, é un editor de contos que permite ao usuario xerar os seus propios contidos para aprender xogando. Dende que se lanzou ao mercado, arredor de hai un ano, 17.000 usuarios descargaron xa a súa aplicación, que se está a empregar tamén como ferramenta educativa en 50 centros de ensino. Pola súa banda, Parkapp, propón unha aplicación para facilitar aos condutores a localización do aparcamento máis próximo coa axuda do seu dispositivo, amais de achegar información sobre prezos e realizar reservas de espazos de aparcamento a través do móbil, incluíndo descontos.
E que supón a participación no 4YFN (que reúne a máis de 2.200 asistentes, 350 startups internacionais e 150 sociedades de investimento de todo o mundo)? Pois isto representa para ambos os emprendedores a oportunidade de chamar a atención de potenciais investidores para continuar coa aceleración e o crecemento do seu proxecto.

Nenos dándolle uso á aplicación galega Creappcuentos

PUBLICIDADE